O Concello promove, xunto a Asfedro, o programa para familias “Máis que un teito”

A Concellería de Servizos Sociais abrirá este luns, 16 de outubro, o prazo de inscrición no programa “Máis que un teito”, que impulsa da man da asociación Asfedro. A participación é gratuíta, pero é preciso anotarse antes do día 24 deste mes no departamento municipal de Servizos Sociais –pranta baixa da consistorial- ou chamando ó teléfono 981 48 70 41 ext.5.
 
Co programa, o Concello busca construír un espazo de reflexión e intercambio de experiencias entre as familias, onde abordar as habilidades e a comunicación familiar, para mellorar a competencia educativa no proceso de crecemento. Abordaranse temas como as habilidades sociais para a convivencia familiar (autoestima, empatía…); desenvolvemento físico e hábitos saudables; a comunicación familiar e os estilos educativos; a negociación e resolución de conflitos, ou os riscos das novas tecnoloxías e información sobre drogas.
 
Está dirixido a familias con menores de entre 3 e 18 anos e as sesións terán lugar no CPI Atios os xoves 2, 9, 16 e 23 e 30 de novembro de 17 a 18,30 horas.
 
Para favorecer a conciliación a ANPA facilita unha actividade para que nenos e nenas poidan participar durante ese tempo, de maneira gratuíta.