A Casa da Cultura de Valdoviño acolle este venres a presentación da última obra de María Jesús Millarengo

A Casa da Cultura de Valdoviño será escenario este venres, 6 de outubro, do acto de presentación de “Unha latiña pequena de pementos morróns… coloradiños… Canto daba de si…!”, a última obra da autora nedense María Jesús Millarengo. Dará comezo ás 20,30 horas e conta coa colaboración da asociación cultural Narart.
 
Aínda que para o gran público é unha escritora e poeta de vocación tardía, María Jesús Millarengo comeza a escribir dende moi nena, recuperando posteriormente algúns dos seus relatos de mocidade. Contos, relatos e poesías compoñen o seu rico e valioso acervo literario.
 
A súa nova obra está adicada ós seus pais, Víctor-Manuel e María, e a todos aqueles que, entre tantas estreiteces, souberon facer felices ós seus fillos e fillas con tan pouca cousa. Trátase dun libro de relatos cargados de retratos costumbristas da época, que ilustra tamén con gravados en cores realizados por ela mesma.