Conclúen as obras de reforma e modernización da Casa da Cultura

O alcalde de Valdoviño, Alberto González, realizou esta mañá unha visita de fin de obra á Casa da Cultura de Valdoviño. Un inmoble emblemático, Premio Nacional de Arquitectura, que foi obxecto dunha ambiciosa intervención de reforma e modernización nos últimos meses. Actuación orzada en preto de 90.000 euros que se financiou con fondos dunha achega provincial. Acompañado dos concelleiros de Obras, Cultura e Servizos, Alejandro García, Rosana García e Benito Vega respectivamente, e dos técnicos de Cultura, Rita Díaz e Daniel Cartelle, o rexidor explicou que o obxectivo dos traballos eran mellorar a funcionalidade e accesibilidade das instalacións.
 
Para iso, devolveuse á biblioteca a súa identidade orixinal, redistribuíndo as estancias e gañando espazo. De feito, ocupa agora toda a segunda pranta ó trasladar o despacho dos técnicos municipais do departamento para o primeiro andar. Nesta segunda pranta, na que o Concello está a crear o Océano Surf Museo tamén se habilitou unha sala de audiovisuais para o acceso a contidos multimedia.
 
A intervención tamén contemplou a ampliación do mobiliario e dotouse ó espazo dun punto de consulta dixital. Os aseos de ambas prantas redistribuíronse para ubicalos na mesma vertical e optimizar así as instalacións e mellorar a accesibilidade.
 
O alcalde explica que na pranta baixa creouse un pequeno almacén e un cuarto para os utensilios da limpeza. Por último, a intervención completouse con novos illamentos e un novo sistema de calefacción a fin de mellorar as prestacións térmicas do inmoble.
 
Nas vindeiras semanas, trasladarase o material –bibliográfico e audiovisual-.