Máis de 150 atletas de todas as idades participarán este domingo na VI Milla Urbana do Concello de Valdoviño

Finalmente máis de 150 atletas de todas as idades tomarán parte este domingo, 1 de outubro, na sexta edición da Milla Urbana do Concello de Valdoviño que organiza a Concellería de Deportes. Especialmente é destacada a participación das categorías de base, con 82 inscritos. A competición celebrarase no paseo da Lagoa da Frouxeira e, este ano, ten un marcado carácter solidario. Así, a recadación das cotas de inscrición –de 3 euros para os participantes maiores de 18 anos- destinarase integramente ós proxectos que desenvolve Cáritas Valdoviño.
 
Baixo o control técnico da Federación Galega de Atletismo a través da súa delegación en Ferrol, o percorrido discurrirá ó longo do paseo da Lagoa nun circuito de ida e volta de iguais dimensións sobre o que se irán cubrindo as distancias de cada unha das categorías.
 
A saída estará sinalizada na caseta de socorrismo do areal e tamén será escalonada, partindo ás 11 horas.
 
Organizada polo Concello de Valdoviño, conta coa colaboración da Federación Galega de Atletismo, a Deputación provincial, Sedega, Protección Civil de Valdoviño e Coca Cola.