Valdoviño propón este domingo “Contos no Mar” ós pes da Capela do Porto

O programa municipal “Escenarios Paralelos” regresa este domingo, 1 de outubro, para ofrecer ó público unha novidosa proposta cultural na Capela do Porto. Baixo o título “Contos no Mar”, levarase a cabo unha lectura de relatos literarios seleccionados e interpretados por Pepe Sendón, acompañado de Marcos Teira á guitarra. Un auténtico espectáculo para todos os públicos nun marco incomparable como a ermida do Porto que dará comezo ás 18 horas.
 
Pero, que historias se abordarán neses “Contos no Mar”? A dun mariñeiro que esculpe coa súa navalla o barco no que vai morrer. Unha dama que cambiou para sempre logo de nove días perdida no mar. Un mariñeiro que temía tanto o mar que tivo que ser internado en Conxo. Un cemiterio submarino oculto nas costas de Irlanda. Os habitantes dunha illa perdida no Atlántico e uns visitantes que transformaron a súa vida. Unha capela na rompente onde os devotos acoden a sacar o demo do corpo.
 
A narrativa galega está representada nesta selección por dous clásicos coma Álvaro Cunqueiro, co seu humorismo cheo de humanidade, e Rafael Dieste coa súa poética evocación rianxeira. Valle-Inclán pinta unha estampa tremendista e Thomas Crofton Croker lembra canto nos parecemos a Irlanda. A baronesa Karen Blixen escribe unha fantasía que lembra a a Andersen, e Daphne du Maurier fantasea sobre a insularidade nun conto inquietante ao que lle responde a negra imaxinación de H. P. Lovecraft.
 
“Escenarios Paralelos” é un programa impulsado polo Concello, a través da Concellería de Cultura, que leva a música, o teatro, a narración… a escenarios alternativos do municipio. Conta coa colaboración da Deputación, a través da Rede Cultural, e en edicións anteriores ofreceu propostas culturais en emprazamentos como a Capela da Fame, o Faro de Punta Frouxeira, o parque infantil de Marnela ou o Lavadoiro dos Romeos en Vilaboa.