O Concello de Valdoviño aborda coas asociacións do municipio as necesidades respecto ó transporte público

O Concello iniciou nas últimas xornadas unha ronda de contactos coas diferentes asociacións do municipio para coñecer cales son as necesidades e carencias que detectan respecto ós novos servizos de transporte público postos en marcha pola Xunta de Galicia. Eses contactos, segundo sinalou o alcalde, Alberto González, véñense producindo a través de xuntanzas ou conversas cos responsables do movemento asociativo e, ata a data, xa se recolleu a opinión e demandas das entidades das parroquias de Loira, Meirás, Pantín, Sequeiro e Vilaboa. O obxectivo, engade o rexidor, é trasladalas á Dirección Xeral de Transporte da Xunta de Galicia para garantir así que se cubran as necesidades dos veciños e veciñas.
 
Hai unhas semanas o alcalde mantiña unha xuntanza cos representantes da Xefatura Territorial da Consellería de Infraestruturas para abordar un dos principais problemas que trouxo consigo o novo mapa de rutas: a supresión do servizo de mediodía entre Ferrol e Valdoviño, que deixaba sen transporte ós estudantes do municipio que cursaban estudos de Secundaria, Bachillerato e FP na cidade naval. Unha reunión na que os responsables autonómicos accederon á demanda planteada polo Concello, restituíndo a liña. Novamente, o Concello aposta polo diálogo entre administracións e, de aí, a necesidade de recoller as demandas veciñais para procurar solucións.