Últimos días para anotarse na VI Milla Urbana Concello de Valdoviño

O paseo da Lagoa da Frouxeira será escenario este domingo, 1 de outubro, da sexta edición da Milla Urbana Concello de Valdoviño. Un evento aberto á participación de nenos e maiores. O prazo de inscrición pecharase este xoves e pódese formalizar na web www.carreirasgalegas.com (ata as 23:59 h dese día) ou de forma presencial na Concellería de Deportes –segunda pranta da casa consistorial de luns a venres de 9,30 a 13,30 horas-.
 
É gratuíta para os menores de 18 anos e ten un custe de 3 euros para os maiores de 18. A recadación, segundo destaca o concelleiro de Deportes, Sergio Saavedra, destinarase integramente a Cáritas Valdoviño.
 
Baixo o control técnico da Federación Galega de Atletismo a través da súa delegación en Ferrol, o percorrido discurrirá ó longo do paseo da Lagoa nun circuito de ida e volta de iguais dimensións sobre o que se irán cubrindo as distancias de cada unha das categorías.
 
A saída estará sinalizada na caseta de socorrismo do areal e tamén será escalonada, partindo ás 11 horas.
 
Organizada polo Concello de Valdoviño, conta coa colaboración da Federación Galega de Atletismo, a Deputación provincial, Sedega, Protección Civil de Valdoviño e Coca Cola.