Andada a San Andrés con recreación teatralizada en Porto do Cabo

Unhas 120 persoas tomaron parte o pasado sábado na Andada a San Andrés de Teixido organizada polo Concello de Valdoviño. Unha iniciativa que, neste 2017, cumplía dezaoito edicións e que volveu a celebrarse con todas as prazas ofertadas cubertas.
 
Veciños e veciñas de todas as idades fixeron xuntos un camiño que, no tramo que discurre por Valdoviño, se convertía en paseo cultural. Os romeiros foron así descubrindo o rico patrimonio que atesoura o municipio. Tras a saída da Rocha, houbo dúas paradas programadas polo departamento municipal de Cultura. Dúas paradas especiais polo seu significado no Camiño a San Andrés: a Ermida de Liñeiro, coñecida por todos como Capela da Fame, e Porto do Cabo.
 
A primeira, do século XVI, é un templo sinxelo nas formas no que destaca o seu retablo en pedra policromada de estilo renacentista e, segundo a tradición oral, era un lugar elixido polos romeiros para descansar, comer e recobrar forzas. Porto do Cabo marca o fin da ruta a San Andrés no municipio, un núcleo rural onde destaca a súa ponte medieval do século XVI sobre o río Mestas e a Casa da Bastona, antigo albergue para peregrinos. Precisamente neste punto, o Concello organizou unha performance no lugar coa colaboración do grupo de teatro Rosalía de Vilaboa. Unha auténtica sorpresa para os participantes na andada.
 
De aí, todos continuaron o camiño ata Teixido. Cos impresionantes cantís e o fermoso santuario eirixido neste rincón singular da xeografía galega como telón de fondo, os romeiros disfrutaron dun xantar que puxo fin á iniciativa.