Valdoviño organiza a VI Milla Urbana no paseo da Lagoa da Frouxeira

O concelleiro de Deportes, Sergio Saavedra, avanzou esta mañá que, un ano máis, o paseo da Lagoa da Frouxeira será escenario da Milla Urbana Concello de Valdoviño. Organizada pola Concellería de Deportes, chega á súa sexta edición. Terá lugar o 1 de outubro pola mañá, baixo o control técnico da Federación Galega de Atletismo a través da súa delegación en Ferrol, e o prazo de inscrición está xa aberto na web www.carreirasgalegas.com (ata o 28 de setembro, ás 23:59 h) ou de forma presencial na concellería –segunda pranta da casa consistorial de luns a venres, ata o día 28, de 9,30 a 13,30 h).
 
A inscrición será gratuíta para os menores de 18 anos e terá un custe de 3 euros para os maiores desa idade, a abonar o día da carreira. Terá este ano un carácter solidario e, a recadación íntegra, irá destinada a Cáritas.
 
Saavedra explica que o percorrido discurrirá ó longo do paseo da Lagoa da Frouxeira, nun circuito de ida e volta de iguais dimensións sobre o que se irán cubrindo as distancias de cada unha das categorías.
 
A saída estará sinalizada na caseta de socorrismo do areal e tamén será escalonada, partindo ás 11 horas.
 
Organizada polo Concello de Valdoviño, conta coa colaboración da Federación Galega de Atletismo, a Deputación provincial, Sedega, Protección Civil de Valdoviño e Coca Cola.