O alcalde valora que a Xunta accedese á demanda do Concello aprobando un novo servizo de autocar dende Ferrol ó mediodía

O alcalde de Valdoviño, Alberto González, valorou moi positivamente que a Xunta, a través da Consellería de Infraestruturas, accedese á demanda do Concello e aprobase a posta en marcha dun novo servizo de autocar que permitirá aos estudantes do municipio que cursan estudos de Secundaria, Bachillerato e FP en Ferrol regresar ós seus municipios ó mediodía, tras rematar as clases.
 
Unha demanda que o propio rexidor puxo sobre a mesa dende o inicio das negociacións das novas rutas atendendo ás necesidades da comunidade educativa local e que, esta semana, intensificaba a través de diferentes xuntanzas cos responsables autonómicos.
 
Así, tal e como confirmou a Xunta, a nova liña comezará a funcionar dende este luns, evitando que os rapaces e rapazas do municipio tivesen que esperar á tarde para regresar a Valdoviño.