Que ver

Ademais dos espazos naturais xa visitados noutras seccións, Valdoviño conta con interesantes mostras patrimoniais. Nesa listaxe mistúranse construccións modernas con reliquias do pasado máis antigo, obras arquitectónicas relixiosas e civís, edificios públicos e privados. Entre todas elas salientamos:

As Forcadas

Encoro das Forcadas

Construído a principios dos anos 60, o encoro das Forcadas está alimentado polo río de mesmo nome e atópase entre as parroquias de Vilaboa e Loira. Cunha capacidade de 10.7 hm3, abastece aos concellos da bisbarra de Ferrol, mantendo normalmente un caudal elevado, agás no histórico ano 1988, no que a causa dunha prolongada seca temeuse pola garantía do servizo. Pero o interese da visita radica noutros aspectos.
 
Por exemplo na súa capacidade para os deportes náuticos. O embarcadeiro municipal facilita a práctica da vela e o piragüismo. Tamén é un lugar idóneo para a práctica da pesca, permitida durante todo o ano.
 
Os sendeiros que xurden dende o pantano permiten facer pequenas rutas e perderse, mesmo ascendendo ata o Pico Agudo, aínda que convén non perder de vista o entorno do encoro, de especial interese para a observación de aves, como poden ser as anátidas ou as fochas.

Capela da Fame

Capela da Fame

No lugar de Liñeiro atópase un dos puntos máis recoñecidos do Camiño de San Andrés, unha ermida que debe o seu nome á parada que facían nos seus arredores os peregrinos, co fin de comer e recobrar as forzas perdidas na viaxe.
 
A construcción da capela é de finais do século XVI, sendo sacerdote de Vilarrube Don Pedro Tenreiro de Lago. Aínda que a súa arquitectura é moi sinxela e austera, no seu interior pode gozarse dun retablo de estilo renacentista e popular.

Capela do Porto

Capela do Porto e faro da Frouxeira

Un dos lugares máis especiais do concello é a capela da nosa Señora do Porto. Nun ámbito moi chamativo e azoutado por duras condicións climatolóxicas, a praia do Porto vese coroada pola pequena ermida.

Conta a lenda que uns pescadores atoparon unha imaxe no mar e que a recolleron, levándoa a terra. Ao día seguinte a imaxe foi atopada novamente no mar, co que se decidiu facerlle unha capela, denominando a esa imaxe Virxe do Porto.

Cada 11 de xullo celébrase aquí unha popular romaxe, na que se saca á virxe en procesión.
 
Poden verse algunhas imaxes do interior da capela na galería de Natureza e patrimonio.

Casa de Joselito

Casa de Joselito

Situada a poucos metros da Casa do Concello, na estrada que vai de Valdoviño a Cedeira, atópase esta casa indiana do primeiro tercio do século XX.
 
A Casa de Joselito é unha vivienda privada de grandes dimensións, con dous andares e planta en forma de H, formada por dous corpos paralelos e un transversal coas súas respectivas cubertas independentes a dúas augas de tella plana. A entrada posúe unha escaleira de dobre vertente.
 
A fachada principal conta con numerosos vans dispostos simetricamente, metres que nunha das laterais ábrese un pórtico con terraza cuberta, probablemente engadida con posterioridade a súa creación. No primeiro piso os vans están enmarcados por pilastras que reforzan as esquinas.

Castros, mámoas e outros xacementos

Santo Tomás de Taraza

Valdoviño foi un centro moi activo na antigüidade, tal e como demostraron os seus abundantes restos arqueolóxicos. Sen embargo a conservación do patrimonio histórico non foi a idónea e hoxe en día é complexo atopar xacementos en bo estado.
 
Un exemplo é a zona de Taraza (Meirás), na que se destruiron o castro e a capela de Santo Tomás, unha obra románica do século XII.
 
Aínda así, nos máis de 30 castros e mámoas catalogados atopamos exemplos salientables da época castrexa, como os castros da Frouxeira (Valdoviño), de Aviño (no cume do Pico da Vela), de Crecente (Loira), de Vidueiros (Vilaboa) ou da Carreira (Sequeiro).
 
Algúns, como o da Frouxeira ou o de Coto Redondo (Pantín), son de tipo peninsular e costeiros, cunha gran influencia do mar na súa erosión. Outros, como os de Castrillón (Meirás), Vidueiros, A Carreira ou Lodeiro (Sequeiro), teñen o recinto principal ovalado, cun parapeto defensivo exterior.

Faro da Frouxeira

Faro de A Frouxeira

O faro de Punta Frouxeira presenta un deseño vangardista que non deixa indiferente. Construído en 1992, comezou a funcionar dous anos máis tarde, cun alcance que vai dende as 15 ás 23 millas.
 
O faro ten unha óptica xiratoria de sete paneis, cinco deles de lentes Fresnel de metacrilato para dar os lampexos e dous cegos para dar a ocultación longa, todo montado sobre un disco accionado por dous motores electromagnéticos. No seu interior atópase un cambiador en V con lámpadas halóxenas de 200V/1.000W. Leva tamén dous grupos electróxenos como reserva ante un eventual fallo no subministro eléctrico.
 
En 2007 realizáronse unhas reformas consistentes na eliminación da fachada acristalada, o peche dos espazos destinados ás escaleiras, deixando só fiestras en cada altura, e o reforzo dos piares.
 
A visita permite gozar dunha panorámica única, coa praia e a Lagoa da Frouxeira ao nordés e os cantís do Porto, coa ermida do mesmo nome, e Meirás ao sudoeste.

Igrexa de San Vicente

San Vicente de Meirás

A igrexa de San Vicente de Meirás foi construída no século XX baixo un estilo neogótico. A súa planta é de cruz latina, cun testeiro plano e nave única en cuxo primeiro tramo levantouse un coro alto. A igrexa aparece totalmente branqueada, agás os esquinais e recercado de ocos, a torre e algúns elementos estructurais e decorativos.
 
A fachada principal é o elemento máis destacable do edificio. Nos panos laterais abríronse sendos vans apuntados, que na actualidade están pechados con láminas de madeira en cuxa parte superior abríronse uns pequenos ocos trilobulados que permiten o acceso da luz ao interior; como remate, baixo a cornixa, aparece o motivo dos arquillos apoiados en pequenas ménsulas, outorgándolle un carácter máis ornamental á fachada.
 
No pano central volveuse a utilizar o mesmo tipo de van, aínda que neste é dunhas dimensións maiores, sobre a porta de entrada enmarcada nun arco apuntado. Coroando o conxunto aparece a torre campanario central, cun marcado carácter de solidez, composta por dous corpos. O primeiro confórmase por catro machóns que dan lugar a sendos ocos con arcos apuntados e está destinado a acubillar as campás, mentres que o segundo corpo, separado por unha volada cornixa, adopta unha forma piramidal en cuxos catro lados ábrense outros tantos ocos enmarcados por pequenos arcos oxivais e rematados por pequenos pináculos.

Igrexa de Santa Eulalia

Santa Eulalia de Valdoviño

Construída en 1903 dentro dun estilo historicista que dalgún modo recuerda aos edificios levantados na Idade Media, a igrexa de Santa Eulalia de Valdoviño ten unha planta de cruz latina, cunha única nave, á que se lle engadiron sendos corpos nos laterais do presbiterio rectangular e que funcionan como sancristía.
 
A igrexa mostra ao exterior os diferentes volumes internos. Os muros aparecen revocados e pintados de branco, agás os esquinais, recercado de ocos, e a fachada principal. Esta última é o elemento máis destacado do edificio e no que se concentra toda a decoración. Está dividida en tres panos por medio de dúas pilastras lisas que se desenvolven ata a cornixa e que aparecen rematadas por un arco de medio punto.
 
En cada un dos panos laterais ábrese unha fiestra pequena e estreita, mentres que no central superpóñense toda unha serie de elementos: unha porta de entrada enmarcada nun arco de medio punto, sobre a que aparece unha fornela onde acubíllase a imaxe da santa patrona, e finalmente un pequeno óculo central. Rematando o conxunto, unha torre campanario, apoiada sobre unha base cadrada, dun claro carácter macizo, e composta por dous corpos. O primeiro confórmase mediante catro robustos machóns que dan lugar a outros tantos ocos, rematados estes por arcos apuntados, nos que se acubillan as campás; o segundo corpo da torre é meramente ornamental, intentando acentuala verticalidade do conxunto.

Igrexa de Santiago (Lago)

Santiago de Lago

A igrexa parroquial de Santiago de Lago é probablemente o exemplo máis salientable da arquitectura relixiosa en Valdoviño, grazas en boa medida ao mantemento case que inalterado do seu aspecto exterior.
 
A planta da igrexa ten unha nave única, cun coro alto situado no primeiro tramo, e un presbiterio rectangular co testeiro plano. Os diversos corpos gozan de diferentes alturas, provocando no exterior un interesante xogo volumétrico. É aquí, no exterior onde están os aspectos máis salientables do templo, principalmente na fachada principal, epicentro da ornamentación.
 
Sobre a porta de entrada rectangular, enmarcada por unhas molduras e pilastras, abriuse unha fornela que garda a imaxe de Santiago Apóstolo. No seguinte nivel aparece unha fiestra rectangular que ilumina a zona do coro alto. No extremo dereito da fachada levantouse unha torre campanario que arranca dunha volada cornixa con motivos de aplacados embaixo. A torre componse por catro machóns que dan lugar a outros tantos ocos arqueados onde se acubillan as campás. Nun segundo corpo, delimitado novamente por unha cornixa, levantouse unha pequena cúpula gallonada sobre un tambor octogonal, outorgándolle un carácter ornamental a este último corpo.
 
Á dereita da igrexa sitúase a casa rectoral, un bo exemplo da arquitectura popular da comarca.

Pazo da Riva

Pazo da Riva

Este pazo tradicional atópase no lugar da Riva, na parroquia de Valdoviño, e conta cunha serie de construccións de diferentes características e usos, dispostos ao longo dun eixo que bordea a pendente do terreo.
 
O edificio principal ten dúas alturas e planta irregular, con cuberta a catro augas. Nel destacan dúas galerías de madeira, unha de cor verde e outra de cor vermella, xunto cun reloxo solar e un escudo señorial. No seu contorno hai que salientar a existencia de dous hórreos.
 
O pazo está relacionado cos Ponce de León, apelido moi vinculado á nobreza galega das Rías Altas. Tamén se sabe que a principios do século XVIII pertencía a un Pardo de Andrade, outra das familias señoriais da bisbarra.

Pazo de Vilarrube

Pazo de Vilarrube

Propiedade privada non visitable, o pazo de Vilarrube está situado nun entorno envexable, cunha vista panorámica da praia de Vilarrube e toda a enseada de Cedeira.
 
O edificio, de grandes dimensións, ten planta irregular, na que se suceden unha serie de corpos de diferentes características. Os muros de carga están construídos en pedra, revestidos con morteiro pintado de branco. As galerías, presentes en varias fachadas, son de especial interese.
 
A capela, próxima á vivenda, destaca polo seu retablo barroco. Os xardíns teñen árbores de diversas especies e un hórreo, e están adornados con múltiples escudos e figuras relixiosas.

Porto do Cabo

Ponte de Porto do Cabo

No tramo final do Camiño de San Andrés ao seu paso por Valdoviño está Porto do Cabo.
 
Este é un lugar que ademais do seu interese para os romeiros, ten un conxunto arquitectónico que merece unha visita, coa ponte medieval, a hospedaxe da Casa da Bastona e os muíños fluviais ás marxes do río.
 
A ponte foi construída en trozos de pedra pequena, cun gran arco de medio punto e outro de menor tamaño. Ámbolos dous están rodeados por unha capa de pedra de cantería disposta en sentido radial. A cepa central que os separa, de considerable grosor, ten forma triangular na súa parte anterior e semicircular na posterior.
 
O paso da ponte forma unha lixeira lomba e a súa calzada está lousada en pedra. A ponte está flanqueada por dous muros de escasa altura, rematados por grandes lousas.