Charla sobre alzheimer no local da asociación de veciños de Meirás

Coa colaboración do Concello e da AVV de Meirás, AFAL Ferrolterra -Asociación de Familiares de Enfermos de Alzheimer e outras demencias- celebrou onte á tarde unha das charlas sobre alzheimer que está a levar a cabo ó longo do mes de setembro con motivo do Día Mundial da enfermidade. Unhas 20 persoas secundaron a convocatoria, que se desenvolveu no local veciñal. Presentada pola concelleira de Servizos Sociais, Jessica Sabín, estivo impartida polas técnicas da asociación, Noelia Ríos e Rebeca Freire. Abordaron a doenza, as súas características e síntomas ou tratamento, tanto farmacolóxico como non farmacolóxico. Tamén deron conta ós asistentes dos talleres para persoas afectadas que AFAL leva a cabo en Valdoviño. No local da Asociación Cultural A Frouxeira, próximo ó centro de saúde.
 
Neste sentido, a presidenta de AFAL, Ana María López, agradeceu a colaboración prestada pola AVV de Meirás para a realización da charla; da asociación A Frouxeira, pola cesión do espazo para desenvolver as terapias, e do Concello, polo apoio brindado en ambos proxectos.