O local da AVV de Meirás acolle este martes unha charla sobre alzhéimer

O local da AVV de Meirás será escenario este martes, 12 de setembro, dunha Xornada Divulgativa sobre Alzheimer organizada por AFAL en colaboración coa entidade veciñal e o Concello de Valdoviño. Unha xornada incluída na programación de actos deseñada pola asociación de familiares de enfermos de alzheimer e outras demencias para conmemorar neste mes de setembro o Día Mundial do Alzheimer. Dará comezo ás 19 horas, con entrada de balde.
 
No transcurso da mesma, as técnicas de AFAL falarán da enfermidade e, tamén, dos talleres para enfermos que leva a cabo a asociación no municipio de Valdoviño coa colaboración do Concello e da Asociación Cultural A Frouxeira, entidade que cede o local para desenvolver as terapias. Uns obradoiros abertos á participación das persoas afectadas. Para iso, tan só deben poñerse en contacto con AFAL (na asociación rúa Río Castro, 43-45 baixo ou no teléfono 981 37 06 92) ou co departamento municipal de Servizos Sociais de Valdoviño.