Homenaxe a Yolanda e Adrián Hermida

Os deportistas locais Adrián e Yolanda Hermida recibiron esta mañá o calor e agarimo dos seus veciños e veciñas no acto de homenaxe organizado pola Concellería de Deportes de Valdoviño. Visiblemente emocionados ante un auditorio da Casa da Cultura a rebosar, os irmáns Hermida entraban acompañados do alcalde, Alberto González, e do edil de área, Sergio Saavedra. Alí, ante os seus veciños e veciñas, o rexidor destacaba a excepcional traxectoria de ambos. Adrián, recente campión europeo de kaiak polo coa selección española senior e, Yolanda, sexta co combinado estatal sub 21 no Europeo. Unha máis que meritoria posición máxime tendo en conta a súa xuventude e que era a primeira participación internacional da selección.
 
No transcurso do acto, a pantalla da Casa da Cultura acolleu a proxección dun vídeo onde se amosaban diferentes imaxes da participación dos deportistas en diferentes competicións. Un dos momentos máis emotivos.
 
Así mesmo, o alcalde facíalles entrega de cadansúa placa conmemorativa deste acto, merecido e de xustiza, co que recoñecer o traballo e méritos de ambos e, para rematar, ambos asinaban no libro de ouro do municipio. O acto concluía coa tradicional foto de familia.