A Casa da Cultura de Valdoviño acolle este sábado a homenaxe ós deportistas locais Adrián e Yolanda Hermida

A Casa da Cultura de Valdoviño será este sábado, 9 de setembro, escenario do acto de homenaxe ós deportistas locais Adrián e Yolanda Hermida. Un acto organizado pola Concellería de Deportes do Concello de Valdoviño para recoñecer os extraordinarios éxitos deportivos acadados por ambos. Por iso, o alcalde, Alberto González, invita á veciñanza a sumarse á convocatoria. Principiará ás 12 horas con entrada libre.
 
Adrián Hermida proclamábase no mes de agosto campión de Europa de Kaiak Polo coa selección española. Porteiro titular, vencía en Francia ó combinado alemán por un contundente 4 a 2. Non é o único éxito deportivo do valdoviñés, que nos Xogos Mundiais de Wroclaw –Polonia- lograba o bronce, entre outros títulos. Pola súa banda, Yolanda Hermida lograba coa selección sub 21 a sexta posición no campeonato europeo.