O Concello comunica a restrición temporal no consumo directo da auga en zonas das parroquias de Valdoviño, Lago, Sequeiro e Meirás

O Concello de Valdoviño recibía a primeira hora da tarde unha comunicación da Consellería de Sanidade informándolle de que os últimos análises realizados pola empresa concesionaria do servizo de auga, Viaqua, detectaban o incumprimento dos niveis óptimos de microcistinas no abastecemento durante os dous últimos días. Non así, os realizados pola propia Consellería, que establecen niveis óptimos.
 
En base á comunicación, e por precaución, o Concello deu instrucións a Viaqua para que proceda á revisión dos sistemas de tratamento na ETAP a fin de garantir a correcta eficacia á hora de prever a existencia de microcistinas na auga subministrada a partir da estación. Tamén a continuar realizando os correspondentes análises de microcistinas dacordo á lexislación.
 
Ademais, e seguindo o establecido na lexislación vixente sobre os criterios sanitarios de calidade da auga de consumo humano, o Concello vese na obriga de comunicar á veciñanza a restrición temporal do uso da auga para consumo directo, ata que se confirmen os resultados dos novos análises. Unha medida que asume por precaución, xa que os análises da consellería sinalan que a auga é apta.
 
En todo caso, esas restricións non afectan a todo o termo municipal. Danse en zonas das parroquias de Valdoviño, Lago, Sequeiro e Meirás e, a empresa Viaqua, comunicará ós abonados a incidencia a través do seu servizo de servialertas.