O servizo de socorrismo continuará este ano nas praias de Pantín e da Frouxeira ata o 7 de setembro

O Concello de Valdoviño informou esta mañá de que, por primeira vez, este ano o servizo de socorrismo estenderase ata o 7 de setembro nas praias do Rodo (Pantín) e da Frouxeira (Valdoviño), as de maior afluencia de bañistas do municipio. Así mesmo, lembra que, como establece o contrato, no resto dos areais rematará hoxe, 31 de agosto. Son Campelo, Meirás, O Baleo e Vilarrube. Así as cousas, o Concello apela á responsabilidade e pide á veciñanza extremar as precaucións nestes espazos.
 
Dende o Concello lémbrase que Valdoviño é un dos municipios que máis inviste na seguridade das súas praias, destinando este ano unha partida duns 120.000 euros para a contratación do servizo de socorrismo. Unha tarefa na que conta co respaldo da Deputación da Coruña, que este ano destinaba a este fin unha axuda de 75.000 euros.