A Axencia Enerxética Provincial da Coruña asesorará ao Concello de Valdoviño en materia de aforro e eficiencia enerxética

A Fundación Axencia Enerxética Provincial da Coruña (FAEPAC), dependente da Deputación da Coruña, asesorará ao Concello de Valdoviño en materia de aforro e eficiencia enerxética. Así o establece o convenio asinado hoxe entre o presidente provincial, Valentín González Formoso, e o alcalde da localidade, Alberto González Fernández.
 
Os técnicos da FAEPAC realizarán unha análise enerxética das instalacións e dependencias municipais do Concello, co obxectivo de establecer un plan personalizado de mellora da eficiencia enerxética, uso racional da enerxía e fomento de fontes renovables.
 
A axencia provincial tamén se compromete a prestar asesoramento técnico en todas as actuacións que desenvolva o Concello de Valdoviño en materia enerxética. Neste sentido, realizarase un seguimento e control do consumo de electricidade, auga quente e calefacción dos servizos públicos e manterase informado ao Concello sobre as modificacións lexislativas e tarifarias, as convocatorias de axudas públicas e os novos materiais, produtos sistemas e servizos susceptibles de ser implantados nas instalacións municipais.
 
Así mesmo, a FAEPAC encargarase da formación do persoal do Concello, para que adquiran as competencias necesarias para asegurar a redución das emisións e a mellora da calidade ambiental no municipio.
 
González Formoso manifestou que, a través da prestación destes servizos, un dos obxectivos do actual goberno provincial é “utilizar o coñecemento da FAEPAC para axudar aos concellos a aforrar na súa factura eléctrica”, un gasto que para algúns municipios do ámbito rural supón a maior partida do seu gasto corrente.