Teatro musical infantil con Oviravai este domingo no parque da Frouxeira

O programa municipal “Escenarios Paralelos” regresa este domingo, 6 de agosto, ó parque da praia da Frouxeira co espectáculo de teatro musical Vaioviravai, a cargo da compañía Oviravai. Dará comezo ás 19,30 horas –e, no caso de choiva, a proposta do Concello trasladaríase ó auditorio da Casa da Cultura-.

Esta peza de teatro musical infantil está protagonizada por tres divertidas personaxes –Roni, Kiki e Chamuco- que, xunto a Paio e a súa banda de musicólogos, interpretan cancións fiándoas cunha divertida trama na que teñen un papel moi especial as coreografías coas que os bailaríns conquistarán ós espectadores máis novos.

“Escenarios Paralelos” continuará o sábado 12 co espectáculo “O autoestopista intergaláctico” (Clube Náutico das Forcadas); o domingo 20 co show “Ilusións Ópticas” a cargo do Mago Romarís (parque da praia da Frouxeira), e o domingo 28, co espectáculo “A caravana dos xogos populares” (atrio da Igrexa de San Bartodo). O programa conta coa colaboración da Deputación, a través da Rede Cultural.