O Museo do Surf de Valdoviño xa conta cos seus primeiros mecenas particulares

O Océano Surf Museo, o primeiro que abrirá as súas portas en España, conta xa cos seus primeiros mecenas. Vicente Irisarri, Marcos Pita, Rufino Tizón e Estitxu Estremo, nomes ben coñecidos do surf no país, fixeron entrega ó Concello, promotor do proxecto, dalgunhas das súas táboas. Táboas emblemáticas e únicas que formarán parte dos fondos do Museo. Un acto simbólico co que queren animar a todo o mundo a participar, como eles, na construción do Océano Surf Museo. Nesta liña, o alcalde, Alberto González, invitou a seguir o exemplo e ceder material de calquer tipo. Lembrou que o Museo está chamado a ser un espazo vivo, que incorpore fondos de maneira permanente para manter o interese e o atractivo para aqueles que amen o surf ou simplemente desexen achegarse á súa historia. Así, é tan sinxelo como poñerse en contacto a través do teléfono 616 89 25 72 ou o correo web@concellodevaldovino.com.
 
O proxecto do Museo xa nacía xa con valiosas aportacións do Océano Surf Club e o Club Praia de Pantín, entre outras. Contribucións que o Concello agradece especialmente e que afondan na construción colectiva do museo.
 
As últimas, realizadas por Vicente Irisarri, un dos pioneiros do surf en Galicia, cofundador do Pantín Classic e moi implicado na actualidade no Océano Surf Museo; Marcos Pita, un dos responsables do Pantin Surf Camp, a escola de surf pioneira en Pantín; Estitxu Estremo, responsable de Alawa Surf Camp e campiona europea de surf, integrante da selección española de surf, e Rufino Tizón, máis coñecido como Rufo, fundador en 1972 de Rufo´s Surfboards, o primeiro taller de táboas de Galicia. Referencias todos eles do mundo do surf.