Valdoviño celebra esta fin de semana a IX edición da súa Festa do Percebe

O Concello de Valdoviño celebra esta fin de semana unha nova edición da súa Festa do Percebe. Será a novena e, como é tradición, estará organizada pola Asociación de Percebeiros de Meirás coa colaboración da Concellería de Turismo. Desenvolverase durante o sábado 29 e o domingo 30, no campo da festa do Porto, na parroquia de Meirás. E, nesas xornadas, a celebración dará comezo a partir das 12 horas.
 
Alí se servirán racións do mellor percebe da costa de Valdoviño a prezos populares, a oito euros o prato. Tamén racións de churrasco ó mesmo coste.
 
Dende a agrupación de percebeiros local e dende o Concello, anímase a veciños e visitantes a acudir a esta cita gastronómica xa consolidada no calendario e que cada ano congrega, nun emprazamento único, a centenares de persoas.