González Formoso destaca “a dinamización social e económica no rural” que supón a Cooperativa de Vilaboa

O presidente da Deputación da Coruña visitou esta mañá a Cooperativa de Vilaboa, en Valdoviño, para coñecer de primeira man as actividades que desenvolve esta entidade. Acompañado do alcalde do concello, Alberto González Fernández, o presidente do Consello Reitor, Ángel Caneiro, o xerente da sociedade, José Ameneiros, e os concelleiros Benito Vega e Jessica Sabín, o presidente provincial coñeceu os diferentes servizos que ofrece a cooperativa a esta parroquia.
 
González Formoso gabou o "sistema de colaboración veciñal que permite ofrecer máis e mellores servizos e dinamizar a vida social e económica da zona", contribuíndo deste xeito a "mellorar a calidade de vida e fixar a poboación na contorna rural". Formoso destacou que, desde unha pequena poboación rural, a Cooperativa conseguiu reunir a máis de 3.500 socios.
 
Entre outros servizos, a Cooperativa de Vilaboa ofrece unha sección de crédito a través da cal os socios poden financiar créditos hipotecarios persoais ou privados, microcréditos e incluso créditos de estudos para os seus fillos, facilitando así o acceso á educación de familias que atravesen momentos de dificultade económica a través dun sistema de préstamos con intereses moi baixos.
 
Así mesmo, a Cooperativa de Vilaboa dispón dun supermercado que evita que os veciños teñan que desprazarse preto de dez quilómetros ata Cedeira ou ao centro de Valdoviño para facer as súas compras cotiás, e dunha agrotenda de ferramentas, pensos, abonos e sementes, que facilita o acceso á utillaxe agrícola necesaria aos agricultores e gandeiros da contorna.
 
A cooperativa tamén ten previsto abrir unha gasolineira, que está pendente dos últimos trámites para entrar en servizo.
 
Ademais de realizar unha ampla labor social achegando servizos a unha zona rural, a Cooperativa de Vilaboa destaca polo saneamento das súas contas, que o ano pasado se pecharon cun excedente de preto de 400.000 euros. Grazas a esta rendabilidade, a entidade tamén participa na Fundación San Vicente de Vilaboa, contribuíndo así á realización de cursos de novas tecnoloxías, a concesión de becas ou servizos de inserción laboral.
 
O alcalde de Valdoviño explicou que no seu municipio funcionan, ademais da de Vilaboa, outras dúas cooperativas en Meirás e Lago que contribúen a "fixar poboación, ofrecer servizos e financiar actividades,empresas e investimentos no ámbito rural". Ademais as tres cooperativas colaboran tamén entre elas en iniciativas coma COPAGRO, que integra unhas 8.000 familias e conta cunha fabrica de pensos e alimentos para animais, servizos veterinarios e unha tenda agraria.