23 concellos da Coruña e de Lugo únense para impulsar o turismo mariñeiro na costa norte de Galicia

Os Grupos de Acción Local do Sector Pesqueiro (coñecidos polas siglas GALP) A Mariña-Ortegal e Golfo Ártabro Norte acaban de unir as súas forzas para impulsar o proxecto de cooperación interterritorial de turismo mariñeiro “Galicia Norte. Mares de Experiencias” que pretende dinamizar a economía da costa norte de Galicia.
 
A presentación da iniciativa na Casa da Cultura de Valdoviño correu a cargo de María José Crespo Fraga, presidenta do GALP Golfo Ártabro Norte e patroa Maior da Confraría de Miño; Alfredo Llano García, vicepresidente do GALP A Mariña-Ortegal e alcalde de Burela; Paloma Vázquez Fernández, xefa de área provincial de Turismo de Galicia en Lugo; e o alcalde de Valdoviño, Alberto González Fernández, que exerceu de anfitrión. 
 
Esta colaboración dará como resultado o desenvolvemento e a promoción de rutas e experiencias turísticas para a posta en valor do patrimonio natural e cultural dos 23 concellos nos que actúan, e que van desde o municipio lucense de Ribadeo ata o coruñés de Paderne. A iniciativa, que comeza este mesmo mes de xullo, desenvolverase ao longo das próximas semanas ata finais de outubro.
En total, o proxecto levarase a cabo en dous territorios contiguos con características comúns e que contan cun rico patrimonio marítimo pesqueiro, cultural e natural moi relevante, que se extende ao longo de 384 quilómetros de costa, unha cuarta parte de toda a liña costeira galega.
 
A promoción dun único territorio sen fronteiras na costa máis septentrional de Galicia permitirá focalizar mellor os atractivos turísticos máis relevantes e favorecer estadías máis longas dos viaxeiros, o que permitirá un maior volume de ingresos para a poboación.
 
Un sector con gran marxe de crecemento
Baixo o nome “Galicia Norte, mares de experiencias”, esta iniciativa pretende aproveitar o potencial da actividade pesqueira e mariñeira da zona, que representa o 8,8% do emprego nos concellos de A Mariña-Ortegal e o 3,3% dos pertencentes ao Golfo Ártabro Norte.
 
Os seus promotores consideran que os recursos do sector pesqueiro teñen un amplo marxe de crecemento, polo que se busca a dinamización da actividade e a captación de novas fontes de ingresos. Neste sentido, o proxecto innovará coa creación de produtos e servizos alternativos e complementarios aos xa existentes, como poden ser as visitas a lonxas, as carpinterías de ribeira, o turismo industrial en conserveiras ou os deportes náutico-deportivos, entre outros.
 
Estas novas liñas de negocio pretenden, ademais de desenvolver rutas e experiencias turísticas (10 itinerarios en total, 5 por cada GALP), fomentar o relevo xeracional, a fixación de poboación moza, unha maior profesionalización do sector turístico e pesqueiro e o impulso do emprendemento entre as mulleres mariñeiras.
 
De feito, para a identificación dos recursos que se incorporarán ás rutas convocaranse mesas transversais con representación do sector turístico e da administración pública dos 23 concellos. Esta decisión vén motivada polo interese xeral de buscar a cohesión territorial e ofrecer un produto turístico consensuado entre todos os implicados.
 
Accións a desenvolver
En paralelo ao deseño de itinerarios, e de cara ao coñecemento xeral da iniciativa, os GALP realizarán cinco xornadas de difusión entre a poboación para explicar as vantaxes do turismo mariñeiro. As charlas estarán dirixidas especialmente a persoas desempregadas, mulleres e colectivos en risco de exclusión.
 
Precisamente, estes sectores son os principais destinatarios das 18 sesións formativas e 5 prácticas que se impartirán sobre a creación de empresas e o deseño de actividades turísticas vencelladas ao patrimonio marítimo do territorio. Este seminario tamén será aberto e gratuíto.