A Frouxeira

A lagoa da Frouxeira é unha das xoias naturais de Valdoviño. Trátase dun humidal de gran valor medioambiental, un espazo de aproximadamente 1.700 metros de lonxitude por 500 de anchura, a carón da praia da Frouxeira e cunha interacción regular co océano, e no que se xuntan unha flora e fauna moi interesantes.

Boa parte da relevancia da lagoa débese á gran cantidade de aves que viven nela, ben de xeito permanente ou durante a invernada e pasos migratorios.

Esa importancia da Frouxeira reflíctese na declaración da “Lagoa e areal de Valdoviño” coma zona Ramsar (Humidal de Importancia Internacional), Zona de Especial Protección para as Aves (ZEPA) e Lugar de Importancia Comunitaria (LIC Costa Ártabra), ou coa súa inclusión no Rexistro Xeral de Espazos Naturais de Galicia.

Orixe

A orixe da lagoa parece remontarse a épocas con clima seco e árido, como os períodos interglaciares, nas que a formación dunha barra areosa tería separado do mar a superficie da actual lagoa. A protección do sistema dunar e a transición a climas máis mornos terían favorecido a colonización progresiva da lagoa e das propias dunas pola vexetación.

Características xerais

A lagoa ten forma case rectangular, cunhas medidas xa sinaladas de aproximadamente 1.700 metros de lonxitude por 500 de anchura. O seu eixo maior é perpendicular á praia da Frouxeira, que limita polo norte. Ao leste unha pista de terra e o paseo bordéana en toda a súa lonxitude. Polo sur a C-646 marca o límite, mentres que no oeste está a parte máis recollida, coa protección dun piñeiral-eucaliptal.

A lagoa recibe as augas fluviais dos regos do Vilar e Castro, ademais das aportacións pluviais, e desemboca no mar a través dunha canle que se abre debido ao nivel das augas e a acción das mareas. A maior ou menor interacción co océano fai que a súa salinidade sexa variable segundo as épocas.

A profundidade media non sobrepasa o metro e medio, aínda que hai zonas máis profundas, como a chamada Pozo do cura ou certas canles na marisma. O periódico aumento da cota hídrica segundo as tempadas do ano chega a inundar os terreos agrícolas máis próximos á lagoa. Tradicionalmente os veciños adiantaban a apertura natural, e procedían a abrir eles mesmos a canle, co obxectivo de evitar o asolagamento deses terreos. Actualmente a apertura mecánica da lagoa está en fase de estudo e, provisionalmente, prohibida pola administración.

Por outra banda os danos causados pola actividade humana nas últimas décadas (extracción de areas, diques artificiais construídos e efectos das obras de Tragsa durante a crise do Prestige) parecen ter afectado gravemente á dinámica da lagoa. Coma consecuencia disto, nos últimos anos a lagoa está a acadar uns niveis hídricos moi elevados antes de producirse a súa apertura espontánea, tal como sucedeu no inverno de 2012.

En canto ás dunas, a maior parte son móbiles e permanecen activas, aínda que hai casos nos que están fixadas pola vexetación. Outras desapareceron nos anos sesenta e setenta debido á extracción indiscriminada de area.

As condicións climatolóxicas correspóndense cun clima oceánico húmido, cunha feble sequía estacional. As temperaturas medias van dos 8-10 graos invernais ata os 19-20 graos do verán. O vento dominante é o suroeste durante a estación chuviosa e o nordés durante o período estival, cunhas precipitacións que sobrepasan os 1.000 mm.

Fauna

(Co obxectivo de facer o texto máis lixeiro, tódolos nomes científicos das especies citadas inclúense ao final do texto.)

Os peixes son visitantes asiduos da lagoa en certos momentos do seu ciclo vital, máis para iso precisan dunha boa e doada comunicación con mar. A anguía depende de zonas como A Frouxeira para chegar á madurez sexual, dada a progresiva contaminación dos ríos. Peixes planos como o rodaballo visitan a lagoa cando peóns para engordar grazas á abundancia de plancton.
 
Os anfibios están ben representados nas marxes da Frouxeira, onde abundan os ambientes húmidos que precisan. As ras estroza, vermella e verde son abundantes e serven de alimento a predadores moi diversos. Tamén a píntiga e o sapo son frecuentes, aínda que non moi interesantes como presas polas súas mucosidades irritantes.
 
Entre os reptís, as cobras de colar e os escánceres son frecuentes nos ambientes máis húmidos, mentres que esgonzos, lagartixas e lagartos prefiren lugares máis secos e soleados. A víbora de Seoane pódese atopar tanto en dunas como na proximidade das charcas.

Ademais da lontra, mustélido perfectamente adaptada ao medio acuático, varias especies de micrótidos son numerosos no ecosistema de marisma-lagoa, como por exemplo a rata de auga ou as trilladeiras dos prados. Especies como o raposo ou o xabalí establécense nos montes, aínda que este último acode tamén frecuentemente ás xunqueiras para alimentarse, algo que está a afectar severamente á poboación reprodutora de aves acuáticas.

Sen embargo, o maior interese da Frouxeira vén marcado polas aves. Entre as moitas especies que se poden ver na lagoa atópanse galiñolas negras, patos frisados, gaivotas choronas, pilros comúns, pilros tridáctilos, píllaras reais, mazaricos rabinegros, cercetas comúns, azulóns, corvos mariños, garzas imperiais ou falcóns.

Hainas sedentarias, que pasan aquí todo o ano, e migradoras, que paran a descansar na lagoa durante unhas semanas, nunha viaxe que as leva dende a costa occidental de África ou o sur da Península Ibérica ata os seus lugares de cría, no norte de Europa. Segundo os cálculos feitos pola Sociedade Galega de Historia Natural, en ocasións fixeron a súa parada na Frouxeira ata 5.000 aves, todo un espectáculo da natureza, producido principalmente entre finais de abril e finais de maio.

A razón do alto migratorio na lagoa é o vento. Cando está en contra paran e agardan a unha mellor oportunidade para continuar o camiño. Se sopra o nordés na zona de Valdoviño supón o comezo da sedimentación no areal da lagoa, sempre que se atope baleira. Cando a lagoa está moi chea de auga isto non ocurrirá. Daquela as aves pararán pouco tempo e, ante a falta de lugares para pousarse e alimentarse, axiña continuarán a súa viaxe, momento no que collen o relevo as anátidas e os mergullóns, mellor adaptados ao medio acuático.

Vexetación

Nas zonas máis altas atopamos formacións de piñeiro que dan paso no sur, nos lugares máis húmidos, a árbores e arbustos caducifolios propios de solos encharcados, como ameneiros ou salgueiros. Onde a capa freática aflora á superficie, a humidade é limitante e a vexetación arbórea vese substituída por xunqueiras e carrizais que, na Frouxeira, cobren ben o tercio da lagoa máis alonxado do mar.

O intercambio de augas salgadas e doces limita a diversidade vexetal. Paradoxalmente, a pesar da alta humidade ambiental as plantas vense sometidas á forte acción deshidratante do mar, que combaten con adaptacións como cubertas céreas, follas carnosas, escasos tamaños, etc. O sustrato areoso e móbil impón tamén a necesidade dunhas raiceiras longas que permitan resistir a acción dos persistentes ventos.

No entorno da Frouxeira están citados 359 taxóns, moitos deles raros ou escasos en Galicia.

Nas dunas colonizadas crecen musgos e líquenes, así como distintas especies de leguminosas e compostas. Na fronte dunar aparecen especies con carácter máis halófilo (como tártago mariño, arenaria do mar, cardo de mar e cebolla das gaivotas).

Destacan tamén polo seu interese bioxeográfico especies como carrasco bravo e carraspique, e pola súa rareza na flora galega especies como trenzas de rapaza, labaza de ribeira, lechuguilla doce, espadana e xunco espigado.

En definitiva, todo un conxunto natural que (co máximo respecto) non se pode perder.

Nomes científicos:

Fauna: anguía (Anguilla anguilla), rodaballo (Psetta maxima), ra estroza (Hyla arborea), ra vermella (Rana temporaria), ra verde (Pelophylax perezi), píntiga (Salamandra salamandra), sapo (Bufo bufo), sapo corredor (Bufo calamita), cobras (Coronella e Natrix), víbora de Seoane (Vipera seoani), lontra (Lutra lutra), raposo (Vulpes vulpes), porco teixo (Meles meles), rata de auga (Arvicola sapidus), trilladeira dos prados (Microtus agrestis), xabalís (Sus scrofa), galiñola negra (fulica atra), pato frisado (Anas strepera), gaivota chorona (Larus ridibundus), pilro común (Calidris alpina), pilro tridáctilo (Calidris alba), píllara real (Charadrius hiaticula), mazarico rabinegro (Limosa limosa), cerceta común (Anas crecca), azulón (Anas platyrhynchos), corvo mariño (Phalacrocorax carbo) e garza imperial (Ardea purpurea).

Vexetación: piñeiro (Pinus pinaster e Pinus radiata), ameneiros (Alnus glutinosa), salgueiros (Salix atrocinera), xunqueiras e carrizais (Cladium mariscus e Phragmites australis, Scirpus spp, Juncus spp, Carex spp), tártago mariño (Euphorbia paralias), arenaria do mar (Honckenya peploides), cardo da ribeira (Eryngium maritimum), cebola das gaivotas (Pancratium maritimum), carrasco bravo (Helichrysum picardi), carraspique (Iberis procumbens), trenzas de rapaza (Spiranthes aestivalis), labaza de ribeira (Rumex rupestris), lechuguilla doce (Reichardia gaditana), espadana (Typha angustifolia) e xunco espigado (Cladium mariscus).