As persoas maiores de Pantín despiden por este curso o programa “+Vida”

O local social de Pantín despedía onte o programa “+Vida”, no que tomaban parte unha veintena de veciños e veciñas maiores do municipio, especialmente da parroquia. Asistía o alcalde, Alberto González, e a concelleira de Servizos Sociais, Rosana García, quenes confían en reeditar o proxecto o vindeiro curso tras o éxito de participación rexistrado e máis tendo en conta que era a primeira vez que se levaba a cabo.
 
O programa, completamente gratuíto, celebrouse todos os mércores dos meses de maio e xuño en horario de tarde e, con el, buscouse crear un espazo no que recuperar o entusiasmo e a vitalidade das persoas maiores, gozando da compañía do grupo e compartindo actividades nas que moverse a través da risa e do corpo, cos conseguintes beneficios para a saúde.
 
A partir deste luns, o local social de Pantín acollerá o programa Concilia Verán, novo escenario do proxecto xa que a Aula da Natureza, o seu emprazamento nos últimos anos, comezou a compatibilizar o seu uso co de Punto de Atención á Infancia.