O Concello de Valdoviño amplía a zona azul gratuíta do entorno da Porta do Sol

O Concello de Valdoviño vén de ampliar a zona azul gratuíta no entorno da Porta do Sol, estendendo a medida ás prazas de estacionamento ubicadas fronte á casa consistorial. A decisión adoptouse despois do bo funcionamento da zona azul gratuíta implantada o pasado ano no centro urbano. Así, ás 20 prazas existentes sumáronse outros 12.
 
A zona azul permite o estacionamento un máximo de hora e media de luns a venres de 10 a 14 e de 16 a 20 horas, namentras que os sábados a súa vixencia redúcese ás mañás –de 10 a 14 horas-. Nos últimos días, operarios municipais pintaron os novos aparcadoiros e ubicaron as correspondentes sinais informativas.
 
O obxectivo do Concello, segundo explicou o alcalde, Alberto González, é mellorar a mobilidade na zona do centro urbano, onde hai un tráfico intenso polo emprazamento de diferentes superficies comerciais, negocios de hostelería e tamén despachos profesionais.