O Concello pon en marcha unha enquisa veciñal para deseñar a programación deportiva

O alcalde, Alberto González, avanzou esta mañá a intención do Concello de abrir máis o programa municipal de actividades deportivas á participación cidadá. Lograr, sinalou, que sexa unha oferta á carta. E, por iso, a Concellería de Deportes vén de abrir unha enquisa cidadá que se pode cubrir neste enlace da web.
 
O edil de área, Sergio Saavedra, explica que a través da mesma solicítase á veciñanza que valore as propostas deportivas e sume aquelas outras nas que lle gustaría tomar parte pero que non se ofertaron ata o momento. A intención é adaptar a programación deportiva de verán e tamén a do próximo curso a esas necesidades e preferencias que trasladen veciños e veciñas.
 
Na relación de propostas ofrecidas polo Concello inclúense un total de 15 actividades que se veñen realizando habitualmente, como ioga, aeróbic, zumba ou tiro con arco.
 
Así mesmo, esta iniciativa de participación veciñal a través da páxina web ponse en marcha despois de que o Concello e o CPI Atios aunasen esforzos nesta materia e colaborasen para coñecer os gustos dos escolares que, a través do departamento de Educación Física, recibiron a mesma enquisa.