O Concello recibe unha achega de 22.833 euros da Deputación para programación cultural

O Concello de Valdoviño recibirá unha axuda económica de 22.833 euros da Deputación provincial da Coruña, neste 2017, para levar a cabo espectáculos e propostas culturais de moi diversa temática. Un apoio que o alcalde, Alberto González, destacaba esta mañá asegurando que permitirá sen dúbida continuar ofrecendo unha programación cultural diversa e variada, para todos os públicos e gustos, e cun menor impacto económico nas contas municipais.
 
Así, a Deputación daba o visto bo á memoria de actividades presentada polo departamento municipal de Cultura de Valdoviño, que incluía un total de 35 propostas do catálogo da Deputación a celebrar neste exercicio. A institución provincial, a través do Programa Rede Cultural 2017, cofinanciará ao 60% o custe das actividades.