A AVV Santiago Apóstol de Lago convida este sábado a veciños e visitantes á súa IV Festa dos Maios

Veciños e visitantes teñen este sábado, 20 de maio, unha cita na parroquia de Lago. A Asociación de Veciños Santiago Apóstol organiza un ano máis, e xa van catro, a súa tradicional Festa dos Maios. Unha celebración xa consolidada no calendario festivo local que, edición tras edición, suma seguidores. O programa ben o merece. Así, a partir das catro da tarde, o local social será un fervedoiro de creación das diferentes figuras. E, dende a asociación veciñal, invítase a todo o mundo a tomar parte no proceso. O resultado poderase ver a continuación, coa exposición dos traballos.
 
Sobre as 17,30 horas, Lago inaugurará a festa propiamente dita e, para iso, contará cos grupos da asociación: as cantareiras “Alvaro Cunqueiro”; o grupo de baile galego “Alvaro Cunqueiro”, e o grupo de baile moderno. Completan o programa o Coro e a Rondalla da Asociación Cultural Tanxedoira da Coruña.
 
Pero non acabará aquí a festa, xa que a entidade veciñal convidará por último ós asistentes a unha saborosa degustación de chourizos e liscos.