O Concello conmemora este domingo o Día das Letras Galegas con contacontos e un concerto

O Concello de Valdoviño, a través da Concellería de Cultura, conmemorará o Día das Letras Galegas o vindeiro domingo, 21 de maio, cun completo programa de actividades na Casa da Cultura. O alcalde, Alberto González, invita á veciñanza a tomar parte na cita, que arrancará con entrada libre ás 18 horas. Incluirá o contacontos "Filipa cos contos", o concerto de "Xardín Desordenado" homenaxe a Carlos Casares e, entre unha e outra actividade, a entrega de premios ós gañadores do II Concurso de Relato Curto e Debuxo Concello de Valdoviño.
 
A primeira cita será o contacontos de Bandullo Azul e a súa peza “Filipa cos contos”. Está recomendado para nenos e nenas de 3 a 12 anos e, co actor Fran Campos ó frente, o espectáculo combina contos, música e monicreques.
 
A compañía de teatro e clown Bandullo Azul achega unha sesión filipante de contos para toda a familia, na que as historias tradicionais, a música e o humor repártense entre os dous contadores que se suben a escea: o actor Fran Campos e a súa amiga Filipa. E, entre o repertorio, algún dos contos infantís do escritor homenaxeado este ano no Día das Letras Galegas, Carlos Casares. A galiña azul ou as historias do neno inventor Toribio.
 
De seguido, o alcalde presidirá a entrega de agasallos ós gañadores do II Concurso de Relato Curto e Debuxo Concello de Valdoviño-Letras Galegas 2017, dirixido á comunidade escolar.
 
E, ás 19 horas, concerto homenaxe a Carlos Casares a cargo de Xardín Desordenado. Un recital con cancións nas que se inclúen diversos textos do autor.
 
O sábado, Festival da ACR A Frouxeira
 
Así mesmo, a Casa da Cultura albergará o día antes, sábado 20, o Festival das Letras Galegas organizado pola ACR A Frouxeira. Dará comezo ás 18,30 horas e nel actuarán a rondalla Perla del Río de Perlío e a formación Los Nostálgicos.