Ricardo Alonso, gañador da primeira edición do Open Tenis Concello de Valdoviño

Ricardo Alonso, do Club de Tenis Casino de Ferrol, impúxose na final da primeira edición do Open de Tenis Concello de Valdoviño a Cipriano Alberto Freire, do Grupo Bazán, nun disputadísimo encontro que, finalmente, se inclinaba a favor do primeiro por 6-1, 4-6 e 10-6. De mans do alcalde, Alberto González, recibía o trofeo como campión da categoría absoluto masculino.
 
Así mesmo, Manuel Trillo, do Grupo Bazán, vencía a Alejandra Vázquez, compañeira de clube, por 2-6, 6-0 e 10-4 na categoría sub 15 mixta. Amador García superaba a Fran Rañal por 6-1 e 6-1 na final consolación absoluta masculina e Iván Pita, da Escola de Tenis de Valdoviño, vencía a Andrea Miranda, tamén deportista local, por 6-2, 6-7 e 10-7 na final consolación sub 15 mixta.
 
Na categoría absoluta mixta iniciación o trunfo foi para Francisco Miranda, que se impuxo por 6-4 e 7-6 a Sergio Blanco. Ambos, da Escola de Tenis de Valdoviño. E tamén do municipio foron as deportistas que pelexaron polo terceiro e cuarto posto nesta categoría: Yahaira Edreira e Andrea Miranda. Un duelo que gañou a primeira por 6-3 e 6-1.
 
O éxito de participación e público da competición, que coordinou Rubén Justo, monitor da Escola de Tenis local, levará ao Concello a continuar apostando pola competición. Así o confirmou o edil de Deportes, Sergio Saavedra, que confía en organizar de novo o torneo de cara ao verán.