O Concello impulsa, xunto a Asfedro, o programa para familias “Máis que un teito”

A Concellería de Servizos Sociais vén de abrir o prazo de inscrición nun novo programa, denominado “Máis que un teito”, que impulsa da man da asociación Asfedro. A participación é gratuíta, pero é preciso anotarse antes do día 28 deste mes no departamento municipal de Servizos Sociais –pranta baixa da consistorial- ou chamando ó teléfono 981 48 70 41 ext.5.
 
Co programa, o Concello busca construír un espazo de reflexión e intercambio de experiencias entre as familias, onde abordar as habilidades e a comunicación familiar, para mellorar a competencia educativa no proceso de crecemento. Abordaranse temas como as habilidades sociais para a convivencia familiar (autoestima, empatía…); desenvolvemento físico e hábitos saudables; a comunicación familiar e os estilos educativos; a negociación e resolución de conflitos, ou os riscos das novas tecnoloxías e información sobre drogas.
 
Está dirixido a familias con menores de entre 6 e 18 anos e as sesións terán lugar na antiga escola unitaria de Sequeiro os xoves 4, 11, 18 e 25 de maio e o 1 de xuño, de 17 a 18,30 horas, aínda que horarios e días poderán variar en función dos intereses do grupo.
 
Hai 20 prazas, e concederanse por orde de inscrición.