O Concello celebra o Día do Libro cunha lectura colectiva, contacontos e agasallos

O Concello de Valdoviño celebrará por todo o alto, e de forma conxunta, o Día do Libro Infantil e Xuvenil e o Día do Libro. Será o vindeiro domingo 23, coincidindo con esta última efeméride. O acto central do programa deseñado pola Concellería de Cultura inclúe unha lectura colectiva da obra de Gloria Fuertes, así como doutras escritoras e escritores de literatura infantil. Unha lectura aberta a todo o mundo que dará comezo ás 17 horas na Casa da Cultura. Os interesados en tomar parte deben poñerse en contacto co departamento municipal de Cultura, no teléfono 981 48 76 66 ou no correo cultura@concellodevaldovino.com.
 
Así mesmo, e tras esta actividade, o Concello propón a narración dramatizada “Cervantes vs Shakespeare”, a cargo de Caxoto Contacontos. Pensado para público familiar e nenos e nenas a partir de cinco anos, prevese que comece ás 18 horas. Un espectáculo que nos achegará ás vidas de Cervantes e Shakespeare, ás súas obras e ó periodo histórico que lles tocou vivir. Dende o Quixote e Sancho Panza ata Romeo e Xulieta… unha viaxe polas cousas que tiñan en común e polas que os distanciaban.
 
Por último, o Concello avanza que, fóra desta xornada, agasallará ós nenos e nenas do CPI Atios e das escolas unitarias cun exemplar de “Os Bolechas van a Valdoviño”, centrado nas aventuras desta popular familia de debuxos animados na súa visita ó municipio.