O Concello retoma “Valdoviño. Memoria dun século” e activa “+Vida” para persoas maiores

O alcalde, Alberto González, avanzou esta mañá que o Concello retomará o programa “Valdoviño. Memoria dun século” e activará un novo proxecto, tamén para as persoas maiores do municipio, denominado “+Vida”. Os dous están impulsados polo departamento municipal de Servizos Sociais e levaranse a cabo na parroquia de Lago e de Pantín, respectivamente. Son gratuítas e o prazo de inscrición abrirase mañá martes, 18 de abril, ata o día 28.
 
“Valdoviño. Memoria dun século” é un proxecto ideado para as persoas maiores de 55 anos que, cada semana, promoverá xuntanzas nas que conversar sobre as vivencias e recordos de anos atrás. Segundo o alcalde, o obxectivo non é outro que crear espazos de encontro entre o colectivo, recuperando e poñendo en valor a memoria colectiva para tecer a historia de Valdoviño. Realizouse o pasado ano en Pantín e Vilaboa e, agora, desenvolverase no local social de Lago. Será os xoves 4, 11, 18 e 25 de maio e os xoves 1 e 8 de xuño, de 16,30 a 18 horas. Hai 20 prazas e cubriranse por orde de inscrición.
 
Pola súa banda, con “+Vida” o Concello busca crear un espazo no que recuperar o entusiasmo e a vitalidade das persoas maiores, gozando da compañía do grupo e compartindo actividades nas que moverse a través da risa e do corpo, cos conseguintes beneficios para a saúde. Celebrarase no local social de Pantín, os martes do mes de maio e xuño, de 16,30 a 18 horas e, como no caso anterior, hai 20 prazas que se cubrirán por orde de inscrición.
 
Para anotarse, os interesados deben acudir ó departamento municipal de Servizos Sociais Comunitarios –pranta baixa da casa consistorial- ou chamar ó teléfono 981 48 70 41 ext.5.