Día da Muller

O Auditorio Municipal enchéuse o sábado 11 de marzo para celebrar o Día da Muller. Unha participación masiva que o alcalde, Alberto González, agradeceu á veciñanza. Unha gala que, conducida con mestría por María Teresa Picos, veciña da parroquia de Loira, non defraudou.
 
A extraordinaria representación da obra “Romeiros a Santo André”, que bordou o grupo de teatro “Rosalía” de Vilaboa, espertou a sonrisa e o aplauso do público. O mesmo que as intervencións de Evangelina Hermida e Vicente Aneiros que, dende a experiencia e o corazón, relataron algúns episodios o seu traballo no mar. Testimonios sentidos relatados con moita sinceridade que tiveron o seu punto e final coas voces das cantareiras “Algarabía” de Lago e o popular Catro vellos mariñeiros. Interpretación á que se sumou todo o público. Logo viría o monólogo “Nabiza girl” a cargo da coñecida actriz da TVG Isabel Risco. Un luxo sobre o escenario que puxo o broche de ouro á gala.