Contorno

A comezos do ano 2011 Valdoviño contaba cunha poboación de 6.926 habitantes, distribuídos nunha superficie de 81,2 kilómetros cadrados, o que da unha densidade de poboación de algo máis de 85 habitantes por kilómetro cadrado.

A zona litoral concentra a meirande parte desa poboación, sumando as parroquias costeiras de Valdoviño, Meirás e Lago o 70% dos habitantes de todo o concello.

Valdoviño ofrece un relevo con gran variedade de formas e paisaxes, pero sempre dun xeito suave. As meirandes altitudes atópanse na zona setentrional, cos 376 metros do Pico Agudo e os 317 do Monte da Moura.

Tamén nesa zona atópase o encoro das Forcadas, un espazo creado hai xa 50 anos e que é abastecido polo río do mesmo nome e polo río Donelle.

Cambiando completamente de aspecto, a costa ofrece formas accidentadas e moi recortadas, con sinuosos cantís que no límite sur do concello quedan baixo os montes da Vela, de 207 metros.

En conexión co oceáno, pero contrastando con eses desniveis rochosos, ao fondo da praia da Frouxeira encóntrase a lagoa do mesmo nome, un espazo protexido e de especial importancia ecolóxica.

Parroquias

Valdoviño divídese nas seguintes oito parroquias: Lago, Loira, Meirás, Pantín, Sequeiro, Valdoviño, Vilaboa e Vilarrube.

Mapa de parroquias

 

Climatoloxía

O clima en Valdoviño é de tipo oceánico, suave e húmido. A temperatura media anual sobrepasa lixeiramente os 13º, cunha media mínima de 9,5º a principios de ano e unha máxima de 18,3º en pleno verán.

En canto ao nivel de precipitacións é bastante moderado, cun índice inferior aos 1.000 mm.