Fin de semana cultural en Valdoviño co Festival de Cantareiras en Meirás e teatro na Casa da Cultura

Dobre cita cultural en Valdoviño esta fin de semana.
 
O sábado, 15 de outubro, celebrarase a sexta edición do Festival de Cantareiras organizado pola Asociación Cultural Mestura de Meirás e o Concello de Valdoviño, a través da Concellería de Cultura. O local social da entidade, a partir das 18,30 horas, acollerá as actuacións das cantareiras “Rosalía de Castro”, de Cacheiras-Teo; o grupo de música tradicional “Arnela” de Carral; as cantareiras “Aturuxeiras” de Cedeira; o grupo “Eudemónicas” de Lugo e, pechando, a formación local, as cantareiras “Mestura” de Meirás.
 
Ó día seguinte, domingo 16, a compañía Vacaloura Teátrica presentará en Valdoviño “Mousiké e as kronomusas”. Na Casa da Cultura, ás 19 horas, para todos os públicos e con entrada de balde. A compañía nace coa finalidade de crear obras propias con interese educativo e un enfoque pedagóxico, apoiándose en outras disciplinas e correntes artísticas.
 
“Mousiké e as kronomusas” é a súa primeira obra en conxunto, froito da súa paixón polo teatro e a música, actividades na que os seus compoñentes levan anos inmersos, e na que se recrea unha viaxe no tempo a través da historia da música, dende a súa orixe na pre-historia, pasando por Exipto, Grecia, a Idade Media, e os séculos XVIII e XX. Unha aventura chea de humor, coreografías, personaxes e música de tódolos tempos.