Arrancan as clases de Ximnasia nas parroquias de Valdoviño

O pavillón municipal do Longoiro, en Meirás, foi escenario onte da primeira sesión do programa municipal Ximnasia nas parroquias que, por primeira vez, se celebra no municipio.
 
Na sesión inaugural tomaron parte 19 persoas que, a partir dagora, acudirán ás clases luns, mércores e venres de 10,30 a 11,30 horas. Onte, recibían a visita do alcalde, Alberto González, e máis da concelleira de Cultura, Rosana García, e da técnica de Deportes, Inés Ferreira.
 
Nesta liña, o rexidor explicou que o obxectivo do Concello con este e outros programas postos en marcha é buscar a descentralización da programación municipal de actividades deportivas, culturais e sociais, achegándoa ós veciños e veciñas de todas as parroquias do municipio. Así, Ximnasia nas parroquias ofértase tamén en Valdoviño, Vilaboa e Pantín. Na primeira, comezarán hoxe as clases con 15 participantes e terán lugar os martes e xoves de 10 a 11 horas na Casa da Cultura.
 
En Vilaboa e Pantín están pendentes de pechar matrícula e aínda se pode formalizar a inscrición. Así, as persoas interesadas en tomar parte deben facelo na Concellería de Deportes –na casa consistorial, en horario de 9 a 14 horas de luns a venres- ou ben chamar ó teléfono 626 46 5531.
 
As clases de ximnasia inclúen diferentes modalidades de fitness como pilates, running, aeróbic, step, zumba, chan pélvico…