O Concello suma 538 horas de atención ó Servizo de Axuda no Fogar

O alcalde de Valdoviño, Alberto González, informou  de que o Concello sumará 538 horas de atención ó Servizo de Axuda no Fogar (SAF).
 
Comezarán a prestarse dende finais de outubro, e engadiranse ás 3.000 horas que actualmente ofrece a Concellería de Servizos Sociais Comunitarios. A medida permitirá incorporar doce novos beneficiarios ó servizo, alcanzando así os 80 veciños e veciñas, así como ampliar as horas de atención a outros tres usuarios. Unha cifra que supón que máis do 80% das persoas que solicitaron este programa estarán beneficiándose del.
 
Nesta liña, o rexidor destacou tamén que o Servizo de Axuda no Fogar que presta o Concello dá traballo a unhas trinta persoas, a maioría de Valdoviño e municipios da comarca. Estímase un investimento para este ano de preto de medio millón de euros, que cofinancian Xunta de Galicia  (a maior porcentaxe), Concello e usuarios.
 
A través do mesmo, ofrécese unha axuda no día a día das persoas dependentes e máis das súas familias e coidadores. Así, o persoal leva a cabo atencións de carácter persoal na realización de actividades básicas da vida diaria; atencións de carácter doméstico e da vivenda, e acompañamento persoal na realización doutras actividades complementarias. Actividades que se programan en función dos casos e das necesidades mediante o acordo dun proxecto individualizado.