Visita do presidente da Deputación a Valdoviño

O alcalde de Valdoviño, Alberto González, e varios membros da corporación municipal recibiron este xoves a visita do presidente da Deputación, Valentín González Formoso, co obxectivo de darlle a coñecer os problemas existentes na estrada provincial DP2502, que pasa por diante do CPI Atios e chega a Cerdido.
 
O presidente provincial comprometeu o apoio da Deputación para solucionar estes problemas e afirmou que os enxeñeiros do departamento de Vías e Obras visitarán a zona nos vindeiros días para buscar a solución técnica que permita mellorar a seguridade dos alumnos do CPI de Atios e que elaborarán un proxecto para a ampliación da estrada.
 
O alcalde agradeceu ao presidente "o seu interese por coñecer de forma directa os problemas do noso concello" e a "proximidade" da institución provincial aos municipios. Alberto González solicitou "solucións de mobilidade e melloras na seguridade viaria", xa que os autobuses escolares non teñen espazo suficiente para aparcar nin dispoñen de visibilidade adecuada para manobrar.
 
En canto aos seguintes quilómetros da estrada DP 2502, que se estreita notablemente a partir do terceiro, o presidente da Deputación indicou que se estudará unha posible ampliación da plataforma, de xeito que permita a mellora das condicións de seguridade na zona: "Este é un tema que preocupa ao alcalde e aos veciños, debido á escasa anchura da vía que leva ademais a un centro de produción importante, con máis de 100 traballadores, que é o núcleo de xeración de emprego máis importante do Concello de Valdoviño, polo que ten o compromiso da Deputación de que imos tratar de arranxar estes problemas no menor tempo posible".
 
Visita á Cooperativa de Vilaboa
González Formoso coñeceu tamén en Valdoviño a cooperativa de Vilaboa, que traballa no ámbito forestal, na xestión de crédito, e conta con servizos como un supermercado, un almacén agrícola e unha nova gasolineira, que está xa case lista para entrar en funcionamento e subliñou "o gran servizo" que este tipo de iniciativas dan aos veciños no ámbito rural.