Convocado o Certame de fotografía Calendario 2017

Ao tempo que se presentou o calendario de Valdoviño para 2016, que se pode adquirir nas diferentes dependencias municipais, o Concello de Valdoviño convoca o Certame de fotografía Calendario 2017, cos obxectivos de elaborar dun xeito participativo o almanaque de Valdoviño de 2017 e de aumentar o arquivo fotográfico municipal.
 
O concurso ponse en marcha neste decembro e estará aberto durante todo un ano, tratando de dar representatividade a todos os meses e de incrementar a orixinalidade e variedade das imaxes, cuxa temática cambiará cada mes, dando a coñecer tamén os recunchos agochados no municipio.
 
En total seleccionaranse 16 imaxes para o calendario, unha por mes e outras catro que completarán o deseño do calendario. Entre esas 16 repartiranse tres premios finais: 500 euros para a mellor fotografía do ano, 250 euros para a foto destacada en paisaxe e outros 250 para a foto destacada no apartado cultural, social, medioambiental ou etnográfico.
 
Os interesados poden enviar todas as fotografías que desexen, sempre que cumpran as bases e as premisas temáticas. O envío farase exclusivamente a través desta web.
 
A primeira imaxe a concursar é a correspondente ao mes de decembro, debéndose presentar antes do día 10 de xaneiro, cumprindo unha destas dúas premisas:

  • Fotografía temática: o Nadal, en calquera dos seus aspectos (social, cultural, relixioso, gastronómico, etc), pero sempre mantendo algunha relación co concello de Valdoviño.
  • Fotografía de paisaxe, que este mes terá que estar tomada nalgunha das seguintes localizaciones: Lago (O Barreiro, Bouza da Cabra), Loira (Calvario), Meirás (O Barral, Cantodomuro), Pantín (Amoreira, Ariño), Sequeiro (A Bedoxa), Valdoviño (Aldarete, Atios, Aviño, Bacariza), Vilaboa (Augalevada, O Basteiro), Vilarrube (Arnela, A Atalaia).

As bases e toda a información sobre o concurso, así como o formulario de envío, poden atoparse neste enlace: Concurso de fotografía: calendario Valdoviño 2017.