Deportes

As características de Valdoviño, coas súas praias e co encoro das Forcadas, fano un concello con moi boas instalacións deportivas naturais. Especialidades como o surf, o bodyboard ou o piragüismo teñen aquí un escenario inmellorable. De feito en Pantín celébrase unha proba do Mundial de surf (o Pantín Classic), unha do Galego de surf e outra de kayakpolo (que en 2015 foi a sede do Campionato do Mundo: Campionato do Mundo de kayaksurf en Pantín) e na Frouxeira dispútase o Circuíto Galego de bodyboard.
 
Pero a maiores, Valdoviño conta cunha serie de infraestruturas deportivas municipais, nas que practicar os deportes máis demandados. Son:
 

  • Pavillón do Longoiro. Polideportivo situado en Meirás, no que ademais do espazo para a práctica de deportes colectivos como fútbol sala, baloncesto ou balonmán, existe un ximnasio no que se ofertan clases de aerobic, ximnasia de mantemento ou iudo.
  • Campos de fútbol. O campo de Mourente substituiu ao de Atios como principal referencia futbolística, aínda que os dous son utilizados por equipos da localidade. Os equipos de Meirás e Vilaboa tamén contan cos seus respectivos campos, Misael Prieto e O Lameiro, de titularidade privada.
  • Piscina. Valdoviño ten unha pequena piscina descuberta na parroquia de Lago. Debido as súas dimensións e apertura é axeitada para o tempo de lecer no verán.
  • Clube Náutico das Forcadas. O encoro das Forcadas ofrece multitude de posibilidades aos amantes dos deportes náuticos. O Concello conta con diversas embarcacións e un pantalán dende o que adentrarse no mundo da vela ou do piragüismo.

 
O interese dos veciños polo deporte maniféstase na existencia de numerosas asociacións e clubes, como son: Centro Cultural Rosalía de Vilaboa, Centro Deportivo Rosalía de Vilaboa., Club Deportivo Team Bacariza Sport, Club Náutico As Forcadas, Escola de fútbol base Amistade Meirás, Meirás Club de Fútbol, Sociedad Deportiva Valdoviño ou Unión Deportiva Lago.