Descontos nas tarifas do Plan de transporte metropolitano para familias numerosas

Santiago, 7 de novembro de 2014.- www.xunta.es
As familias numerosas de Galicia poderán acollerse aos descontos de ata un 50% nas tarifas do Plan de Transporte Metropolitano a partir do 1 de decembro, data na que entrará en vigor esta medida impulsada grazas a un acordo de colaboración entre a Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas e a Consellería de Traballo e Benestar.
Tal e como destacou a conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas, Ethel Vázquez, esta iniciativa permitirá a preto de 19.000 familias numerosas de Galicia beneficiarse de descontos de entre un 20% e un 50% -en función de se son familia numerosa xeral ou específica- sobre as tarifas do Plan de transporte metropolitano. Esta medida está recollida no Plan de transporte metropolitano de Galicia da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas e forma parte da Estratexia de apoio ás familias numerosas impulsada pola Consellería de Traballo e Benestar, salientou a conselleira deste departamento, Beatriz Mato.
Vázquez Mourelle aclarou que a bonificación por familia numerosa, que entrará en vigor en menos dun mes, é compatible con outros descontos do programa tarifario (sociais e recorrencia) nas catro áreas nas que está en marcha (A Coruña, Ferrol, Santiago e Lugo), sen que o importe total das bonificacións poida superar o importe total da viaxe.
O sistema de bonificación para as familias numerosas será o mesmo que o que se aplica para a bonificación por recorrencia para os usuarios que superan os 40 viaxes ao mes. Nese sentido, as viaxes realizadas nun mes polos membros de familias numerosas serán contabilizadas e procesadas e o sistema realizará unha recarga na tarxeta pola contía da bonificación con tan só introducila no caixeiro automático.
Beatriz Mato recordou que a Xunta de Galicia remitirá nos vindeiros días unha carta a todas as familias numerosas rexistradas na Comunidade das áreas nas cales esta iniciativa está operativa, para informarlles destas vantaxes. O requisito que deberán cumprir é similar ao que se lles esixe aos usuarios xerais do plan, dispor dunha tarxeta do Plan de transporte metropolitano de Galicia e, especificamente, darse de alta telematicamente na aplicación social para familias numerosas da Dirección Xeral de Familia, de xeito que a Dirección Xeral de Mobilidade conte cos datos dos usuarios que deben percibir estas bonificacións.