Valdoviño inaugura a Sede Electrónica do Concello

A web do Concello de Valdoviño amplía os seus servizos, coa posta en marcha da Sede Electrónica do Concello, que permitirá aos cidadáns realizar os seus trámites por internet. Este novo espazo está dispoñible na ligazón sede.concellodevaldovino.com.
 
Mediante a súa identificación con DNI ou certificado electrónico, o usuario poderá dispor dunha serie de servizos personalizados: consultar o estado dun trámite, obter o seu volante de empadroamento, consultar os seus expedientes, representar a outra persoa na presentación de instancias, realizar unha serie de trámites telemáticos regulados e presentar calquera outra instancia ou solicitude a través do rexistro electrónico.
 
Valdoviño cumpre así plenamente a Lei 11/2007 de Acceso Electrónico dos Cidadáns aos Servizos Públicos, que establece o "dereito dos cidadáns a relacionarse coas Administracións públicas por medios electrónicos" e "a obrigación das Administracións Públicas de redeseñar os seus procedementos e dotarse dos medios técnicos necesarios para que o exercicio do novo dereito sexa plenamente efectivo".