Igrexa de Lago-Praia da Frouxeira, da horta á praia

  • Distancia: 7,9 km.
  • Tempo estimado: 01h45' a pé.
  • Altitude (máxima/mínima): 57 m / 0 m.
  • Desnivel acumulado: 226 m.
  • Pendente (máxima/mínima): 10,62% subida, 10,82% baixada.
  • Accesibilidade: A pé, bicicleta.
  • Partida e chegada: 43º 36.334N, 008º 11.073W.

 
Neste percorrido atopamos distintos tipos de arquitectura popular e paisaxes tanto de carácter natural como modelados pola man do home, así como un amplo catálogo da actividade rural, sempre presente na parroquia de Lago.
 
 
Km 0,000 Comezamos e finalizamos esta ruta no adro da igrexa de Santiago de Lago. O trazado lévanos en primeira instancia cara ao sur por unha pista asfaltada, deixando ás nosas costas a igrexa parroquial de Lago e á nosa esquerda a antiga casa parroquial, que non será a única destacable nestes primeiros pasos do percorrido. Máis adiante encontraremos algúns exemplos de reconstrucións de casas do país nas que aínda se pode ver a estrutura tradicional asociada á actividade agrícola e gandeira, destacada polos seus hórreos e os seus cortes integrados no conxunto da vivenda. Tamén atopamos varios cruceiros.
 
Km 0,650 Deixamos a pista pola que camiñamos e xiramos á dereita por outra cunha lixeira pendente, e na que se abre o espazo a campos de cultivo e prados máis extensos.
 
Km 1,1 Abandonamos a pista asfaltada para entrar nun pequeno bosque de eucalipto por un camiño de terra que pronto describe unha curva á dereita, despois da cal sairemos do bosque. 150 metros despois devólvenos á pista abandonada previamente, pola que seguiremos en dirección oeste á esquerda.
 
Dende este punto xa podemos divisar o monte de Campelo. Continuamos na mesma dirección pola pista asfaltada, cruzando ante un grupo de hórreos e cortes que deixamos á marxe dereita do camiño. Unha dobre curva a esquerda e dereita achéganos a un pequeno grupo de casas que, unha vez superado, nos deixa na estrada AC-116 (km. 2,2 do noso percorrido), a cal teremos que cruzar para internarnos por unha pequena pista a través de campos de labor. Esta pista lévanos a un cruzamento, que abandonamos pola esquerda, percorrendo uns 230 metros antes de xirar á dereita.
 
Km 2,800 Acabamos de xirar e abandonar o asfalto para continuar por un camiño de terra que seguimos en dirección norte uns 525 metros. Logo un xiro á dereita prolonga a nosa marcha polo camiño outros 450 metros, ata chegar a un grupo de casas.
 
Km 3,860 Xiramos á dereita e outra vez, durante 250 metros, camiñamos por unha pista asfaltada, que abandonamos pola esquerda a cambio dun amplo e recto sendeiro de terra que nos leva entre plantacións de árbores durante 650 metros ata o mesmo bordo das dunas.
 
Km 4,760 A partir deste punto comeza a zona máis aventureira do camiño, xa que temos que "navegar" por pequenos sendeiros sobre a area en dirección leste para voltar á pista asfaltada. A uns 80 metros en dirección nordés dende o punto final da pista da terra cruzámonos cunha pista con rodeiras que seguimos cara á nosa dereita. De igual forma procedemos 80 metros máis adiante. Sen abandonar a devandita pista avanzamos uns 165 metros e aquí decidimos se queremos continuar o paseo cara á mesma praia da Frouxeira ou se queremos regresar á estrada que nos levará de volta ao sur e á parte final do noso percorrido.
 
En caso de querer continuar cara á praia tomamos a senda da esquerda en dirección nordés ata encontrarnos cun pequeno regato que nos leva ata a súa desembocadura na praia, onde o cruzamos. Este punto está a uns 200 metros ao oeste do punto onde atopamos a pasarela de madeira que nos devolve á estrada principal.
 
Km 6,240 Neste punto atopamos unha fonte de auga potable, aseos e duchas, así como un panel informativo sobre o ecosistema da zona. Continuamos por esta estrada a uns 1.450 metros sen desviarnos (a uns 1.000 metros encontramos o bar Catro Camiños), xirando á esquerda coma se fosemos á empresa Gairesa, para xirar outra vez á dereita no próximo cruzamento, que nos leva ata o cruceiro de Santiago de Lago e finalmente ao punto de partida do trazado cruzando a AC-116. (Se fose posible, e a igrexa estivese aberta, recoméndase visitala).
 
Km 7,960 Fin do percorrido.