Castro da Frouxeira-Paseo da Lagoa, a ruta da auga

  • Distancia: 6,1 km.
  • Tempo estimado: 01h20' a pé.
  • Altitude (máxima/mínima): 368,5 m / 172 m.
  • Desnivel acumulado: 379 m.
  • Pendente (máxima/mínima): 14,69% subida, 20,02% baixada.
  • Accesibilidade: A pie, bicicleta.
  • Partida e chegada: 43º 37.021N, 008º 08.942W.

 
Esta ruta transcorre pola parroquias de Valdoviño e Lago, con partida e chegada no aparcadoiro próximo á Praia Pequena.
 
Este paseo formúlase como un trazado lineal de ida e volta cunha dificultade escasa, indo dun bo paseo a unha marcha suave, en función do ritmo que lle imprimamos á nosa marcha.
 
Un dos puntos máis rechamantes deste percorrido alcanzámolo no alto do promontorio que hai próximo á Praia Pequena, lugar no que existiu un castro de carácter defensivo.
 
Dende este lugar gozaremos dunha fermosa perspectiva da praia, a lagoa e o faro da Frouxeira dun lado e dos cantís que bordean a costa ata o concello de Cedeira do outro.
 
Hai distintas alternativas para marcarnos o inicio de noso camiñar. O percorrido ten como extremos o castro da Frouxeira nun lado e a confluencia da pista que bordea a lagoa da Frouxeira coa estrada AC-116 no outro.
 
En función do punto onde queiramos deixar o noso vehículo estableceremos o punto de partida e de chegada. Os tres lugares máis doados para aparcar poden ser o aparcadoiro de terra que hai próximo á Praia Pequena, o aparcadoiro da praia da Frouxeira ou o anaco de pista que parte da AC-116 e da acceso á lagoa (43º 35.791 N, 008º 09.236 W).
 
O piso do percorrido é firme - pedra, madeira e grava - e ancho. O trazado deste vai paralelo á praia da Frouxeira e á lagoa do mesmo nome, un espazo de visita obrigada para os amantes da natureza.
 
Outra alternativa a este mesmo percorrido, con moitos adeptos en tempada de verán, é realizalo descalzo pola propia area pegado en todo momento á beira do mar. O percorrido aumenta a súa dureza malia ser algo máis curto. Para os máis ousados recomendamos que o realicen pola area seca.