Monte Penedos (Loira-Pantín), amplos horizontes

  • Distancia: 4,5 km.
  • Tempo estimado: 00h45' a pé.
  • Altitude (máxima/mínima): 297 m / 158 m.
  • Desnivel acumulado: 259 m.
  • Pendente (máxima/mínima): 26,29% subida, 19,83% baixada.
  • Accesibilidade: A pé, bicicleta.
  • Partida e chegada: 43º 36.586N, 008º 05.896W.

 
Camiño circular cun trazado de 4.531 metros de lonxitude que teñen como punto de partida e chegada no aparcadoiro do Bar O Suizo, en Loira.
 
Nota: os contidos da ruta que aparecen en negra fan referencia a variantes sobre o trazado principal.
 
 
Km 0,000 Comezamos o noso camiñar dirixíndonos dende o punto de partida ata o cruceiro de Loira, apenas a 30 metros da saída. Unha vez aquí xiramos á esquerda, seguindo a indicación Lousada, Pantín.
 
Km 0,121 Á esquerda. Comezamos un ascenso por pista asfaltada, con pendentes nalgún punto do 12 %.
 
Km 0,629 Á esquerda. Pista asfaltada case plana. Casas de labranza.
 
Km 0,800 Á dereita. Abandonamos o asfalto e internámonos por un camiño de terra. O camiño, embarrado en épocas de chuvia, comeza pouco a pouco a tirar cara a arriba, ao abeiro de altos eucaliptos que custodian ambas as dúas marxes.
 
Km 1,250 Abandonamos o camiño principal xirando á esquerda, e observamos que o camiño, cortado por grandes pedras para evitar o paso de quads, ten unha forte pendente (alcanza o 22%) que se perde entre as árbores.
 
Km 1,770 Estamos na cota do noso percorrido, o Monte Penedos, a 299 metros de altura e un bo lugar para deterse a tomar alento e a gozar da paisaxe. Panorámica de 360º. O nivel de visión dependerá da climatoloxía do día que elixísemos para subir, polo que é recomendable realizar este percorrido en días moi despexados, e a poder ser despois de chover. Iniciamos o descenso polo mesmo camiño que nos trouxo ata aquí, ata alcanzar a casa na que abandonamos o asfalto.
 
Km 2,797 Á esquerda, volvemos ao asfalto.
 
Km 2,846 Tomamos a pista da dereita e iniciamos un descenso sen abandonar esta pista.
 
Km 3,405 Á dereita, por unha estrada máis ancha, que seguiremos sempre de fronte para chegar ao punto de partida.
 
(*) Unha boa alternativa ao noso percorrido; se neste punto xiramos á esquerda e non á dereita, 600 metros máis adiante chegariamos á presa do encoro das Forcadas. Con esta opción sumaremos 1,2 km máis ao percorrido proposto.
 
Km 4,531 Fin do percorrido.
 
(*) Outra alternativa. Dende este punto se mirades cara abaixo albíscase o campanario dunha antiga igrexa abandonada (apenas a 250 metros). O seu interior sorprenderá a máis dun. Coidado coas silveiras.