Homenaxe ao campión de España de mushing

O Concello organiza un acto de recoñecemento ao deportista valdoviñés Roberto Lorenzo, que vén de proclamarse campión de España de mushing na categoría de oito cans. A homenaxe celebrarase este sábado 14, ás 19:00 horas, no Auditorio da Casa da Cultura.
 
Roberto Lorenzo, deportista da Asociación Cadeliños Actividades Caninas, venceu na proba disputada na Estrada os días 30 de novembro e 1 de decembro. O circuíto de 7 kilómetros, con numerosos cruces, facía complicado o control dos equipos de un número elevado de cans, pero Roberto Lorenzo decidiu atacar dende o primeira etapa. Malia sufrir tres saídas de pista durante o percorrido, marcou o mellor tempo, deixando a 41 segundos o segundo clasificado na súa categoría, sentenciando así, practicamente, o resultado final á falta da segunda volta.

Na manga celebrada o domingo, Roberto decidiu xestionar esa vantaxe levando retidos os seus cans co fin de non cometer erros ao longo do percorrido e asegurarse así ese primeiro posto.
 
Pablo Rodríguez, 11º na categoría de bikejoring.
O debut de Pablo Rodríguez saldouse cun meritorio onceavo posto na clasificación final. É un moi bo posto, tendo en conta que Pablo participaba por primeira vez nun evento deste tipo. Xunto coa súa cadela, Keni, levan entrenando moi pouco tempo e xa é un mérito ter logrado finalizar as dúas mangas, de 5 km 200 m, nas que consistía a competición.