A Deputación financiará a reparación de pistas e camiños municipais

O presidente da Deputación da Coruña, Diego Calvo, visitou este mércores o Concello de Valdoviño, onde se reuniu co alcalde, José Antonio Vigo Lago, e outros membros da corporación municipal.
 
O encontro serviu para que abordasen as últimas actuacións realizadas pola institución provincial no municipio, así como para coñecer as necesidades máis urxentes e os próximos proxectos de colaboración entre as dúas administracións, que Calvo comprometeuse a estudar.
 
Entre eles, o presidente da Deputación anunciou un convenio que se levará ao próximo pleno provincial “para achegar preto de 300.000 euros ao Concello de Valdoviño co fin de arranxar e manter as pistas e camiños danados durante as choivas do pasado inverno”. Esta axuda responde ás peticións que o alcalde trasladou durante os últimos meses á institución provincial ante as consecuencias que as fortes precipitacións tiveron nestas vías de titularidade municipal.
 
Calvo recordou durante a reunión a importancia de “darlle aos concellos a liberdade de que decidan cales son as verdadeiras urxencias para os seus veciños, porque son eles os que os ven cada día”. Así, o presidente falou da flexibilidade do plan extraordinario do 2012, coñecido coma DTC94, onde os concellos decidiron o fin do cen por cento das achegas recibidas. Este programa permitiu que o Concello de Valdoviño destinase máis de 200.000 euros a cubrir gasto corrente.
 
O presidente tamén destacou que “tres de cada catro euros que a Deputación destina a investimentos son asignados aos concellos de forma obxectiva mediante os plans provinciais, como por exemplo o Plan de Obras e Servizos que está dotado con máis de 24 millóns de euros para todos os concellos da provincia”. No caso de Valdoviño, o POS asignou máis de 235.000 euros que a corporación destinou a obras e gasto corrente.
 
Ademais, dentro do Plan de Conservacións de Vías Provinciais, a Deputación investiu este ano case 90.000 euros en actuacións de mellora na DP2502 de Valdoviño a Cerdido. A día de hoxe, das obras acometidas nesa vía dentro do plan (coma o desbroce, a mellora do firme ou colocación de sinais) so queda pendente o fresado da travesía.