Participa na creación do calendario municipal 2013

Mantendo a tradición dos últimos anos, o Concello de Valdoviño está a preparar un calendario municipal. Gustaríanos que a edición de 2013 fose o máis participativa posible e que nesta ocasión estivese composta por imaxes realizadas polos veciños.
 
Así pois, todas aquelas persoas interesadas en que a súa fotografía apareza no calendario poden enviar as instantaneas que consideren axeitadas, xunto co nome do autor, ao enderezo de correo web@concellodevaldovino.com ou entregalas nun soporte físico na Casa da Cultura. Entre todas as imaxes recibidas ata o 30 de novembro realizarase unha selección de 14, que aparecerán na páxina de cada mes, na portada e na contraportada do calendario.
 
As fotografías deben ter relación con Valdoviño, podendo amosar unha paisaxe ou atender calquera aspecto da vida municipal. A única esixencia é que as imaxes, que serán utilizadas polo Concello exclusivamente para a elaboración do calendario, sexan propiedade do participante.
 
A selección das fotografías realizaraa un xurado cuxos membros serán anunciados nesta mesma web e que valorará, entroutros criterios, a calidade técnica, a representatividade das imaxes e a súa orixinalidade.
 
Agardamos a vosa participación.